
O primeiro obxectivo deste proxecto é a conservación e continuidade da memoria familiar; e o segundo, contribuír a poñer en valor, desde a innovación e a sustentabilidade, a herdanza de sacrificio e fertilidade que esas terras deron a esta familia. Unha promoción simbólica, desde o local máis local que encarna unha pequena aldea da provincia de Lugo, á proxección global do espazo virtual, neste caso.
Desenvolvemento dun proxecto de fruticultura sostible e de varios produtos ecolóxicos derivados, xunto co apoio ao futuro rural e á promoción destas terras, de Castro de Rei, de Lugo capital e dun dos Camiños de Santiago que atravesa tamén parte desta comarca da Terra Cha.

A xenealoxía histórica da familia Campos documéntase máis aló dos últimos 4 séculos como agricultores e gandeiros da parroquia de San Xoán de Ribeiras de Lea (Castro de Rei), na comarca da Terra Cha, no centro da provincia de Lugo. A casa actual, rehabilitada en 2000-2002, data de 1900 e recibe o seu nome da orixe petrucial de Andrés Campos Sánchez (1846-1911), pai de Francisco Campos Teijeiro (1873-1967), avó de Román Campos Muinelo (1910-2004) e bisavó de Francisco Campos Freire (1952), cuxas fillas Ana Campos Blanco (1982) e Irene Campos Blanco (1983) continúan a vinculación familiar desde Londres e Madrid respectivamente.
A saga familiar documentada da familia Campos remóntase ao tránsito dos séculos XVII a XVIII, segundo os documentos parroquiais rexistrados polo párroco de San Xoan de Ribeiras de Lea, Darío Legaspi Fernández, pertencente ao Bispado de Mondoñedo. Deses séculos son os oitavos e sétimos avós rexistrados da familia, Francisco de Campos (nado en 1728) e a súa muller María López e Francisco Docampos e a súa muller Dominga Fernández, segundo os datos documentados da época.
A orixe da propiedade e actual casa familiar remóntase ao matrimonio de Andrés Campos Sánchez (1846) e María Teijeiro, naturais de Ribeiras de Lea e Mondriz respectivamente, parroquias ambas as dúas do municipio lucense de Castro de Rei. Continuada polo seu fillo Francisco Campos Teijeiro (1873-1911), casado con Engracia Muinelo Abelaira (1882-1963) e cuxo matrimonio tivo seis fillos: Román, José, Feliciano, Manuela, Fulgencio e Josefa. Deses irmáns, José e Manuela morreron moi novos.
Román Campos Muinelo (1910-2004) continuou a saga petrucial da Casa de Andrés, casado con Caridad Freire Salgado (1914-1997), procedente da Casa de Abilleira e tamén da parroquia de Ribeiras de Lea, e que tiveron como fillo único a Francisco Campos Freire (1952), casado en 1980 con María Angeles Blanco Lamas (1955), natural de Bestar (Cospeito), de cuxo matrimonio naceron Ana e Irene Campos Blanco. Seguen á saga familiar Pedro e Miguel Espejo Campos, nacidos en Madrid e bautizados en Ribeiras de Lea.
A saga actual da Casa de Andrés ten vinculacións de parentesco directo coas familias de Victoria Freire Campos, filla de Manuel Freire Salgado e Josefa Campos Muinelo; de Francisca Campos, filla de Feliciano Campos Muinelo e Lucrecia Candal Fernández; así como tamén de Teresa, Carmen e Marisa Blanco Lamas, fillas de José Blanco Fernández e Sara Lamas Ben.
Francisco Campos Freire licenciouse en 1978 na Facultade de Ciencias da Información, sección de Xornalismo, na Universidade Complutense de Madrid e, despois de exercer a actividade profesional en editoriais, xornais e televisión, ingresou como profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, na que alcanzou o grao de doutor e catedrático de Xornalismo. María Angeles Blanco Lamas licenciouse en Filoloxía Románica (rama de Francés) na Universidade de Santiago, dedicándose posteriormente a actividades administrativas e tamén docentes en diferentes centros de Galicia accedendo a catedrática do corpo de profesores de ensinanza secundaria. Ana e Irene estudaron graos e mestrados de Turismo/Ciencias do Traballo e Enxeñería, respectivamente.
O proxecto de rehabilitación e recuperación da Casa de Andrés e a súa facenda é un obxectivo de sustentabilidade e conservación da memoria da herdanza familiar enraizada e vinculada ás orixes familiares dos seus antepasados, concibida desde a perspectiva e a realidade dos status profesionais dos seus continuadores no século XXI. Para a súa execución foi necesario investimento, dedicación, formación e asesoramento técnico.














CASA DE ANDRES
O CHAIRO 30, 27260
RIBEIRAS DE LEA (SAN XOAN)
CASTRO DE REI, LUGO, España
https://www.instagram.com/casadeandreslugo/
https://www.instagram.com/casadeandreslugo/profilecard/
© copyright 2023 Casa De Andres