AS LEIRAS

Esta pomarada de maceiras de sidra e mesa recupera nesta zona de Terra Cha a tradición da fruticultura, exposta de forma ordenada e racional, co obxectivo de equilibrar a sustentabilidade da produción frutícola e a forestación. Acompáñase da plantación de chopos canadenses nunha parte máis baixa da leira familiar, especie adecuada ás terras de ribeira e humidais da zona.

É un proxecto de cambio de uso do chan agrario a forestal, pero orientado a unha produción sostible, adecuada a unhas condicións ambientais dunha zona con temperaturas medias que oscilan entre máximas de 20 graos e mínimas de 5 º C, con suficiente cantidade anual de horas de frío e choiva, sobre chans areosos e humidais adecuados aos respectivos tipos de variedades que se escolleron para a plantación.


A plantación efectuouse nun agrupamento conxunto de catro hectáreas formado polas parcelas catastrais 238, 240, 28 e 25 do Polígono 265, bordeadas tamén polas parcelas 30 e 29 do mesmo polígono e propiedade, dedicadas estas últimas á produción forestal. Todo iso forma parte da denominada Chousa da Casa de Andrés, onde se acha a casa familiar do mesmo nome, cunha superficie esta de 524 metros, no barrio de O Chairo, da parroquia de Ribeiras de Lea.


Nesas parcelas agrupadas dentro do polígono catastral 265 de Castro de Rei plantáronse 1.500 pés de 25 variedades de maceiras de sidra e mesa. Concretamente 10 variedades de maceiras de sidra e 15 de mesa, combinando a súa experimentación e adaptación ás condicións climatolóxicas e fitolóxicas da zona, estrutura de ramificación, aspectos de floración e polinización, produción, rendemento e época de maduración da colleita.


Combináronse variedades autóctonas galegas e asturianas de sidra, así como outras experimentais de orixe francesa, norteamericana, suíza, checa e australiana de mazá de mesa. As variedades de sidra elixíronse polas súas características produtivas e pola súa adaptación ás condicións fitolóxicas da terra e clima da comarca. A diversidade de variedades de mazá de mesa ten como obxecto experimental testar a adaptación de varias delas ás condicións da zona.


A plantación foi realizada co asesoramento técnico do enxeñeiro agrónomo Francisco Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL). A explotación áchase inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) co número 2022/3063286 e expediente A12X0057. E forma parte da cooperativa frutícola Cabrinfolla de produción de mazá de sidra das provincias de Lugo e Coruña.


O proxecto da pomarada comezou en 2018 coa cavadura, abonado e encalado da leira a partir da analítica previa de terras efectuada polo Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Mabedondo (A Coruña), dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.


Nese mesmo ano procedeuse ao peche do circundo da leira, con valo aramado gandeiro de 200x17x15, con grapillones suxeitos a postes torneados de 10x250 de madeira tratada para resgardar a plantación da fauna depredadora da zona, e construíronse tres pozos subterráneos intercomunicados, con capacidade para fornecer caudal de auga de rega suficiente para a rede de tubaxes e goteiros autocompensantes que se instalarían posteriormente a medio metro de cada un dos portainxertos de maceira.


A plantación de maceiras iniciouse en 2019 e concluíu en 2020. Plantáronse 1.350 maceiras de sidra en M106, a tres metros de distancia e en filas de 6 e 5 metros, con postes de madeira tratada de 2,5, 3 e 4 metros, con tres fíos de arame para suxeición de goteiros (a 0,50 cm) e das espaldeiras de entutorado das árbores. E de maceiras de mesa M9 plantáronse 150 árbores, a 1,5/2 metros en filas de 5 metros de distancia.


Para o sistema de rego, mediante goteiros autocompensantes, efectuouse unha instalación de tuberías anchas que rodean toda a leira, nunha extensión aproximada dun quilómetro, e que conecta por cada unha das cabeceiras as 40 filas da explotación, con chaves de peche individualizadas e de limpeza en cada unha desas liñas. A rega efectúase mediante períodos de 3 horas, cunha capacidade de 3 litros por goteiro e ciclo.


A bomba para o regadío, que se programa e xestiona automaticamente a distancia, aliméntase con enerxía eléctrica conducida desde as inmediacións da casa familiar, mediante unha canalización a través do centro da explotación, ata a caseta situada sobre a superficie dos pozos, no fondo da leira. Este deseño do sistema de rega permite xestionar a rega de forma eficiente, por sectores, sen necesidade de electroválvulas, e tamén evacuar a limpeza dos goteros de cada unha das filas do regadío.


Anualmente realízanse podas de crecemento e vexetativas, abonado de mantemento, encalado, tratamento fitosanitario de produtos ecolóxicos e roza intercepas e interfilas con medios mecánicos propios. A plantación, en marcos de 6X3 e 5X3, está adecuada para a recollida mecanizada da produción, que se estima entre 25/30 toneladas por hectárea.


As variedades de sidra plantadas son Amariega, De La Riega, Durona de Tresali, Judeline, Ollo Mouro, Raxao, Regona, Solarina, Verdialona e Xuanina. De produción de mazá de mesa a leira ten as seguintes variedades: Choupette Dalinette, Florina, Goldrush, Granny Challenger, Granny Smith, Jeromine, Ladina, Lafayette, Mandy, Opal, Querina, Red Dalinswest, Reineta Gris, Soprano, Story e Topaz. Xunto a elas consérvanse outras variedades autóctonas antigas, propias da zona e de Galicia, que a leira familiar tiña desde facía moitos anos. O obxectivo do proxecto é tamén recuperar e experimentar con variedades autóctonas de rendemento, conservación e interese.

© copyright 2023 Casa De Andres