A Casa de Andrés sitúase no lugar de O Chairo - un dos oito barrios ou entidades de poboación da parroquia de Ribeiras de Lea, segundo o nomenclátor do Instituto Nacional de Estatística español- na parcela 238 do polígono catastral de Castro de Rei, dentro dun circundo parcelario de seis hectáreas desta propiedade familiar, próximo á igrexa parroquial do Doce Nome de María e á ribeira dun pequeno río de chaira, o Lea, de apenas 23,5 quilómetros, que nacendo en Pol só atravesa o municipio de Castro de Rei e desemboca no Miño pola súa esquerda, en Beloi-Ponte Vilar.
As leiras da Casa de Andrés suman unha superficie de máis de 20 hectáreas, situadas en varias parcelas dos polígonos catastrais 249, 250, 264, 265 e 266 do municipio de Castro de Rei, provincia de Lugo. É unha diversidade de leiras relativamente agrupadas, pero ás que non chegou aínda nesta parroquia a necesaria concentración parcelaria. A súa explotación está dedicada á produción forestal, pradería e plantación de mazás de sidra e mesa. A produción da masa forestal está formada por especies frondosas de chopo, freixo, bidueiro, carballo, eucalipto e piñeiro pinaster.

Fonte SIXPAC: https://sixpac.xunta.es/visorhtml5/. Latitude 43·8´42.35´´N Lonxitude 7·30´42.20´´W
Ribeiras de Lea, situada ao sur do municipio e atravesada polo río Lea, afluente do Miño, é unha parroquia tradicionalmente agrícola e que nos últimos anos perdeu explotacións, aínda que aloxa con todo na súa superficie un polígono industrial que lle permitiu manter parcialmente poboación. É unha parroquia dun municipio de terras tradicionalmente de uso agrario, que evolucionou nos últimos 30 anos dos cultivos de sementa de tempada aos aproveitamentos intensivos de herba e millo para o mantemento das explotacións lácteas da comarca, que tamén se transformaron co paso do tempo.
O municipio de Castro de Rei está situado no centro da provincia de Lugo, na comarca da Terra Cha, cunha superficie de 177 km2 e unha altura media de 438 metros sobre o nivel do mar. É o centro dunha actividade gandeira e agrícola bastante dinámica, tradicionalmente impulsada pola modernización das súas explotacións gandeiras lácteas e de carne, pero tamén ultimamente pola incorporación intensiva de producións hidropónicas de amorodos e arandos. No ámbito forestal consérvanse especies tradicionais frondosas xunto con outras de máis recente introdución, como é o eucalipto, que están a gañar espazo a aquelas máis autóctonas.
As terras da parroquia de Ribeiras de Lea e da propiedade de Casa de Andrés reúnen as características da parte baixa ribeirega da comarca chairega, en xeral, e do municipio de Castro de Rei, en particular, a uns 400 metros sobre o nivel do mar e cun clima oceánico anual medio de entre 5 e 20 graos, onde se combinan agras areosas máis áridas con veigas de humidais e encharcamentos.
As producións agrícolas tradicionais desas terras eran as colleitas de centeo e cebada nas agras, combinando a súa rotación coas leguminosas de nabos para a alimentación do gando e das persoas, xuntamente con trigo, patacas, millo, col ou verzas, mesmo liño para tear tecidos e prados nas terras máis húmidas, profundas e frondosas das veigas. Produción agrícola de subsistencia que permitía ás familias mitigar as fames negras do país e alimentar cabanas de gando cabalar, porcino, ovino e vacún, de carne, leite e tamén para as xuntas de labranza das propias explotacións.
O traballo agrícola realizábase con apeiros artesáns movidos pola forza humana e animal. Dese tipo de labores da labranza consérvanse na casa familiar arados de pau, carros do país, bancadas ou gradas de madeira para gradar a terra, gradón, arados de ferro, enciños, xugos, máquina picadora de toxo para o gando cabalar, tear para tecer o liño, forno de leña, baño de salgar a matanza porcina, galletas, gadañas, ferramentas de cavar e tamén de fabricación de zocas e zocos de madeira, calzado imprescindible para os períodos invernais.
Esta explotación, como outras da parroquia e a comarca, cultivaba anualmente dúas ou tres medas de monllos de centeo e trigo, que se trillaban coa axuda comunitaria dos veciños da parroquia, para o gran das fornadas e a palla de abono das cuadras dos animais. O resto das fincas de labranza eran sementadas con nabos, hortas, patacas, millo etc. Criábase gando de carne, becerros e xatos e vacas para a labranza.
Durante os anos 40 e 50 do século XX criábase e comercializaba gando cabalar, que se levaba a pé e dacabalo -dúas veces por ano, na primavera e outubro- desde Lugo ata o País Vasco para a súa venda a Francia. Para a alimentación do gando cabalar e o esterco das cuadras cortábase á man, coa fouce, o toxo dos montes. De forma parecida realizábase a sega da colleita de centeo e trigo.
A parroquia, como a comarca, sufriu a grande emigración nos séculos XIX e XX, primeiro a América (Cuba e Arxentina) e posteriormente, a partir da posguerra civil, a outros países europeos (Alemaña, Holanda, Suíza e Reino Unido) e ás cidades máis industrializadas de España (Barcelona, Bilbao, Madrid, etc). O morgado ou vinculeiro, por tradición e vinculación xurídica, é consuetudinario coa continuidade das sagas familiares, como tamén é neste caso da Casa de Andrés, na que os outros tres irmáns (dous dos seis faleceron moi novos) de Román, o maior, formaron familias independentes.
A transformación agraria da zona comeza a notarse na década dos anos 60 do pasado século XX, cando empeza a superarse a traumática crise da guerra civil e chega á comarca o proxecto do Instituto Nacional de Colonización e Desenvolvemento Rural para transformar e repartir os montes veciñais en parcelas de pradería, orientadas á produción gandeira láctea. Con iso chega a mecanización (tractores e segadoras de herba) e a orientación cara ao monocultivo forraxeiro (prados de herba e leiras de millo) para a produción industrial láctea. Paulatinamente vai decaendo, ata practicamente desaparecer, a produción de centeo e trigo.
A paisaxe das agras e das veigas de Ribeiras de Lea e tamén de toda Terra Cha cambia entre os anos 80 e o tránsito de séculos. Agora, no século XXI, os prados, millo e masas forestais son os que debuxan a xeografía destas terras. A perda de poboación pola baixada da natalidade e a emigración de novas xeracións profesionalizadas cara a outras industrias e actividades do coñecemento abocou ao peche e á acelerada alta concentración das explotacións gandeiras que aproveitan extensivamente as terras abandonadas e non reforestadas.
Nese novo contexto de transformación sociolóxica e agraria do século XXI expúxose o proxecto da plantación dunha moderna pomarada de mazás de sidra e mesa nas leiras da Chousa da Casa de Andrés. Como un proxecto de recuperación, valorización, sustentabilidade, continuidade e contribución á memoria da familia de labradores, agricultores e gandeiros desta Casa de Andrés de Ribeiras de Lea, para a vinculación da herdanza coas raíces das novas xeracións.


© copyright 2023 Casa De Andres